Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego
ESTATUTO
< RO >
Presentación
Miembros
Agenda
ROMANIA
GALICIA
Contacto



CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
 
         Artigo 1º.- Constitúese en Santiago de Compostela unha Asociación sen ánimo de lucro que se denominará “ASOCIACIÓN PUENTE CULTURAL RUMANO-GALLEGO”. A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable.
 

         Os presentes Estatutos serán desenvolvidos mediante os acordos que validamente adopten a Coordenadora Xeral e a Asemblea Xeral, dentro do ámbito da súa respectiva competencia, e en tanto non se aprobe ou no non previsto no Regulamento de Réxime Interno ó que se refire o artigo 43.

 

         Así mesmo, será a Coordenadora Xeral o órgano competente para interpretar os preceptos contidos nestes Estatutos e os acordos que os desenvolvan, sempre con sometemento expreso á normativa legal vixente en materia de asociacións.

 

         Artigo 2º.- É o fin ou obxecto principal da Asociación promocionar a formación, o emprego e a integración socio-cultural, particularmente de colectivos en situación de especial necesidade ou que sofran algún tipo de discriminación social, económica, política, cultural, relixiosa, por razón de sexo ou de calquera outra índole.

 

         Artigo 3º.- A Asociación pode, no exercicio da súa propia actividade, desenvolver proxectos de formación e orientación laboral e potenciar o emprego como elementos clave para a consecución dos seus obxectivos e, de modo xenérico, realizar cantas actuacións sexan conducentes cara o mellor logro dos seus fins. Asimesmo, a asociación pode exerce-la súa actividade desenvolvendo tamén proxectos de formación e orientación cultural.

 

En particular, e a título enunciativo, as actividades da Asociación consistirán en:

1º.- A promoción do emprego e da inserción socio-cultural dende o recoñecemento da igual dignidade de tódalas persoas e, consecuentemente, dende o respecto ó principio da non discriminación por razón de nacemento, grupo poboacional, xénero, relixión, opinión e/ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

2º.- Realizar labores de formación e orientación laboral, especialmente respecto dos colectivos de difícil inserción.

3º.- A busca, detección e procura de novas oportunidades de emprego e formativas nos distintos sectores productivos existentes e nos que no futuro podan xurdir.

4º.-  A promoción do intercambio cultural rumano-galego co fin de dar a coñecer a nosa cultura.

5º.- A promoción da participación e o debate nas cuestións que constitúen o obxecto da Asociación, que expresa a súa vontade de ser un órgano aberto á colaboración de cantas persoas e entidades teñan interese nos fins perseguidos pola mesma.

 

O desenvolvemento dos fins da Asociación poderá efectuarse, entre outros medios posibles, polos que se enumeran a seguir:

 

a)    Pola Asociación directamente, en instalacións propias ou alleas.

b)    Creando ou cooperando á creación doutras entidades.

c)    Participando ou colaborando no desenvolvemento das actividades doutras entidades, organismos, institucións ou persoas de calquera clase, físicas e xurídicas, que dalgún xeito podan servir ós fins perseguidos pola Asociación.
 

         Artigo 4º.- O enderezo principal e permanente da Asociación radicará na localidade de Santiago de Compostela, rúa Costa de Santa Isabel, nº 4, piso baixo, C.P. 15705.

Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutros lugares (barrios ou localidades), mediante acordo da Asemblea Xeral, que terá atribucións para cambiar, tanto o enderezo como os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións.

 

Artigo 5º.- O ámbito territorial desta asociación é a Comunidade Autónoma de Galicia, onde radica a súa sede, mesmo que ocasionalmente poderá realizar actividades fóra da mesma.

 

         Artigo 6º.- A Asociación ten vocación de permanencia, polo que a súa duración é indefinida, e só se disolverá por calquera das causas previstas no Capítulo VI dos presentes Estatutos.

A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

 

CAPÍTULO II

DOS SOCIOS
 

Artigo 7º.- Poderán ser membros da Asociación todas aquelas persoas maiores de idade que actúen en nome propio e así o soliciten.

 

Non obstante, por razóns de funcionamento da propia Asociación, as persoas individuais que desexen adquirir a condición de socio estarán preferentemente vencelladas a outras asociacións ou entidades que se identifiquen e teñan interese en servir ós fins da Asociación.

 

         Artigo 8º.- Os asociados e asociadas poderán ser:

 

a)    Fundadores: aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.

b)    Numerarios: aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da Acta Fundacional.

c)    Honorarios: aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ou meritorio ó desenvolvemento dos fins da asociación.

 

Artigo 9º.- Son dereitos dos asociados e asociadas fundadores e numerarios:

 

1.    Participar nas Asembleas Xerais con voz e voto.

2.    Elixir e ser elixidos como membros dos órganos de goberno da Asociación, na forma prevista nos presentes Estatutos.

3.    Participar nas actividades organizadas pola Asociación en cumprimento dos seus fins.

4.    Desfrutar de tódolos beneficios da Asociación, segundo as normas e disposicións regulamentadoras da mesma, ou de cantos outros sexan concedidos á Asociación por entidades públicas ou privadas.

5.    Posuír un exemplar destes Estatutos e ser informados sobre a composición e os acordos adoptados polos órganos da Asociación.

6.    Facer suxerencias ós membros dos órganos da Asociación en orde a mellorar o cumprimento dos fins da mesma.

7.    Que se lles poña de manifesto anualmente o estado de contas, os ingresos e gastos da Asociación, así como o desenvolvemento da súa actividade.

 

Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:

 

1.    Acatar os presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e pola Coordenadora Xeral.

2.    Prestar cantos servicios determinen os Estatutos ou, no seu caso, a Regulamentación de Réxime Interno, así como os acordos lexítimos da Asemblea Xeral.

3.    Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ó cargo que desempeñen.

4.    Aboar as cotas ou contribucións que sexan establecidas.

 

Artigo 11º.- Os socios honoríficos non intervirán na xestión ou goberno da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero poderán asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto. Así mesmo, poderán facer cantas indicacións estimen oportunas á Coordenadora Xeral ou dirixir escritos ou comunicacións á Asemblea Xeral.

 

Artigo 12º.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Coordenadora Xeral, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida.

 

No caso de que a Coordenadora Xeral rexeitase a solicitude dun socio deberá comunicalo por escrito ó interesado, quen, no prazo dun mes, poderá alegar diante dela o que estime conveniente.

 

Se, vistas as alegacións do interesado, a Coordenadora Xeral mantivese a súa decisión en sentido negativo, poderá aquel apelar perante a primeira Asemblea Xeral que se celebre, sendo a resolución desta recorrible ante a Xurisdicción Ordinaria.

 

Artigo 13º.- A condición de asociado pérdese:

 

1.    Por vontade propia.

2.    Pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación ou por deixar de cumprir os deberes inherentes á condición de asociado establecidos nos presentes Estatutos.

3.    Por expediente disciplinario.

 

Artigo 14º.- A expulsión de asociados e asociadas será acordada pola Coordenadora Xeral, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola primeira Asemblea Xeral que se convoque, e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.

Cando a baixa se produza por vontade do asociado ou asociada, realizarase a petición por escrito, debendo proceder previamente o asociado ou asociada ó aboamento de tódalas cotas que teña pendentes de pago.

 

Artigo 15º.- Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito.

 

A Coordenadora Xeral poderá acordar a separación temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente sancionador, ou cando concorran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o retraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten á boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de Réxime Interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

 

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
 

Artigo 16º.- A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Coordenadora Xeral e a Asemblea Xeral.

 

         Para ser membro dos órganos de representación e goberno da Asociación son requisitos imprescindibles: ser maior de idade, estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar incurso nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.

 

         Artigo 17º.- O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Coordenadora Xeral e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebren unha e outra.

 

O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre os socios que teñan alomenos 1 ano de antigüidade e o seu mandato durará 2 anos, podendo ser reelixido indefinidamente.

 

A COORDENADORA XERAL

Artigo 18º.- A Coordenadora Xeral estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un Tesoureiro. Ademais, e no caso de que se designen comisións de traballo para áreas específicas, incorporaranse sen necesidade de elección en Asemblea un representante de cada unha delas durante o tempo no que estivesen vixentes.

 

         Artigo 19º.- Os cargos que compoñen a Coordenadora Xeral serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.

Elixiranse, mediante sufraxio libre e secreto pola Asemblea Xeral de entre os asociados e asociadas, e o seu mandato durará dous anos, podendo ser reelixidos indefinidamente.

No caso de que un dos membros da Coordenadora cesase antes de esgotar aquel período, a propia Coordenadora Xeral nomeará, con carácter interino, a un dos socios para ocupar a vacante ata a próxima Asemblea Xeral. Os casos de ceso poden ser por motivos persoais o tamén pola Asemblea Xeral por incumprimento de os cargos que supona.   

 

         Artigo 20º.- Son funcións da Coordenadora Xeral todas aquelas que conduzan ó cumprimento dos fins da Asociación, levar á práctica os Acordos da Asemblea Xeral e os acordos propios, programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, así como someter a aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, e o estado de contas do ano anterior.

 

Así mesmo, procederá a convocar e sinalar a data da Asemblea Xeral, designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación, dictar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral. Corresponderanlle tamén todas aquelas actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.

 

A Coordenadora Xeral é responsable das súas actuacións diante da Asemblea Xeral. Así mesmo, cada un dos seus compoñentes terá os deberes propios do seu cargo, así como os que xurdan das delegacións ou comisións que a propia Asemblea Xeral lles encomende.

 

         Artigo 21º.- A Coordenadora Xeral celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

 

Para que os acordos da Coordenadora Xeral sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, alomenos, da metade dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do Presidente.

 

O Secretario levantará acta das sesións, que se transcribirán ó libro de actas.

 

A ASEMBLEA XERAL


         Artigo 22º.- A Asemblea Xeral, integrada por tódolos asociados e asociadas, é o órgano supremo de goberno da Asociación, e expresa a vontade da mesma, tendo as súas decisións carácter vinculante. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Coordenadora Xeral.

 

         Artigo 23º.- A Asemblea Xeral poderá reunirse en convocatoria ordinaria ou extraordinaria, podendo asistir os asesores técnicos e invitados que a Coordenadora Xeral estime conveniente.

 

Reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano; e con carácter extraordinario, cando así o esixan as disposicións vixentes, cando o acorde a Coordenadora Xeral, ou a petición dunha terceira parte dos asociados e asociadas. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

 

O expresado nos parágrafos anteriores entenderase sen prexuízo dos especiais requisitos de procedemento contemplados no artigo 44 en relación á modificación estatutaria.

 

         Artigo 24º.- As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, realizaranse polo Presidente da Coordenadora Xeral por escrito, expresando o lugar, a data e a hora da Asemblea, así como a orde do día, debendo mediar entre a convocatoria e a data de celebración da mesma alomenos quince días.

 

Se na convocatoria non se fixese constar, no seu caso, a celebración da Asemblea Xeral en segunda convocatoria, celebrarase esta transcorrida media hora dende a primeira convocatoria.

 

A notificación farase nos locais da Asociación para as Asembleas Ordinarias e no domicilio dos asociados para as Asembleas Extraordinarias.

 

Artigo 25º.- Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

1.    Aprobar a acta da reunión anterior.

2.    Aprobar o plan xeral de actividades.

3.    Avaliar a xestión da Coordenadora Xeral.

4.    Examinar e aprobar a memoria de actividades.

5.    Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.

6.    Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.

7.    Decidir sobre a aplicación concreta dos fondos existentes.

8.    Exame e aprobación das cotas.

 

Artigo 26º.- A Asemblea Xeral Extraordinaria é competente para coñecer sobre:

1.    Modificación dos Estatutos da Asociación.

2.    Nomeamento ou elección dos membros da Coordenadora Xeral.

3.    Inclusión da Asociación noutras entidades federativas ou entes de participación.

4.    Autorización da disposición, alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.

5.    Acordar a disolución da Asociación.

6.    Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación.

7.    As que sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non podan esperar a súa convocatoria sen grave prexuízo para a Asociación.

8.    Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Coordenadora Xeral.

 

Artigo 27º.- As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados e asociadas e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de socios concorrentes.

 

Artigo 28º.- Os acordos adoptaranse polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados con dereito a voto. Non obstante, será necesario o apoio favorable das dúas terceiras partes dos socios, presentes ou representados, para adoptar acordos en Asemblea Xeral Extraordinaria sobre os puntos recollidos nos apartados 1 ó 5 do artigo 27, ademais de para acordar a ratificación da expulsión de asociados e asociadas.

 

A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas, coa sinatura do Presidente e do Secretario da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asamblea Xeral e aprobada por maioría.

 

Artigo 29º.- Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

O Presidente abrirá as sesións, procedendo o Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior, que deberá ser aprobada.

 

A seguir, o Secretario lerá a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Coordenadora Xeral que lle corresponda, procedéndose á aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

 

Unha vez rematados tódolos asuntos da orde do día procederase, se a presidencia o considera oportuno ou se así o solicitan un 10% dos asociados inscritos no libro de membros, a facer un turno de rogos e preguntas, así como a adopción de acordos. Unha vez concluído todo o proceso anterior, o Presidente levantará a sesión.

 

Artigo 30º.- Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

         Artigo 31º.- Ademais das xerais contempladas no artigo 17º, o Presidente terá as seguintes atribucións:

a)    Convocar, presidir e levantar as sesións que celebren a Coordenadora Xeral e a Asemblea Xeral, e dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade en caso de empate.

b)    Propoñer o plan de actividades da asociación á Coordenadora Xeral, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c)    Ordear os pagamentos acordados validamente.

d)    Representar a Asociación perante calquera organismo público ou privado.

e)    Firmar as actas, certificados, pagos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario ou membro da Coordenadora Xeral a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

 

Artigo 32º.- O Vicepresidente apoiara todas as actividades do Presidente. En ausencia del Presidente, el Vicepresidente será encargado con as mesmas atribucións.

 

         Artigo 33º.- Serán competencias do Secretario:

 

1.    Recibir e tramitar as solicitudes de ingreso, custodiar e levar os Libros de Actas e o Libro e o ficheiro de asociados, así como os documentos oficiais da Asociación e, en xeral, asumir a dirección dos traballos administrativos da Entidade. En particular, corresponderá ó Secretario cursar ó organismo competente as comunicacións sobre designación da Coordenadora Xeral, celebración de Asembleas Xerais, cambios de enderezos, formalización do estado de contas e aprobación dos orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como do estado de contas correspondente ó ano anterior. Correspóndelle, así mesmo, levar o inventario dos bens da asociación, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente.

 

2.    Estender as actas das reunións e expedir as certificacións oportunas co visto bó do Presidente.

 

3.    As propias do Presidente e Vicepresidente en caso de ausencia.



         Artigo 34º.- Serán competencias do Tesoureiro:

 

1º.- Recadar e custodiar os fondos da Asociación.

2º.- Abrir e xestionar as contas bancarias da Asociación que autorice a Asemblea Xeral ou a Coordenadora Xeral.

3º.- Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente.

4º.- Formalizar os balances e orzamentos anuais dos ingresos e gastos da Asociación, así como o estado de contas do ano anterior, que remitirá á Coordenadora Xeral para que esta, á súa vez, os someta a aprobación da Asemblea Xeral.

5º.- En xeral, dirixir a contabilidade da Asociación, a levanza e custodia dos libros contables e toma de razón dos ingresos e gastos sociais, participando en tódalas operacións de orde económica daquela.

 

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

         Artigo 35º.- A Asociación carece de patrimonio no momento da súa constitución. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural, funcionando a Asociación en réxime de orzamento anual.



         Artigo 36º.- Os fondos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais estarán constituídos por:

 

1.    As cotas periódicas dos/as asociados/as.

2.    As cotas extraordinarias que propoña a Coordenadora Xeral e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.

3.    Os productos dos bens e dereitos que lle correspondan.

4.    Os legados, doazóns e aportacións voluntarias que fagan os socios ou terceiras persoas.

5.    Os convenios suscritos ou subvencións concedidas para a realización de actividades por entidades públicas ou privadas.

6.    As rendas do patrimonio da Asociación.

7.    Os ingresos que obteña a Asociación mediante as actividades lícitas que acorde realizar, sempre dentro dos fins estatutarios.

8.    Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

 

Artigo 37º.- As cotas acórdanse pola Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Coordenadora Xeral, non sendo reintegrables en caso algún e adicándose a atender as necesidades da Asociación.

 

         Artigo 38º.- As aportacións voluntarias poderán considerarse como empréstimos sen interese, reintegrables nas condicións que se pacten por escrito.

 

         Artigo 39º.- Anualmente, e con referencia ó último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, as cales se formalizarán nunha memoria. Tal memoria será posta a disposición dos/as asociados/as durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, quen deberá aprobalo ou censuralo.

 

Artigo 40º.- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente, o Secretario e o Tesoureiro, para a utilización conxunta deles.

 

Artigo 41º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.

 

CAPÍTULO V

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO E DAS OBRIGAS DOCUMENTAIS
 

Artigo 42º.- O Regulamento de Réxime Interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en contra do estipulado nos mesmos.

O funcionamento interno da Asociación estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.

 

Artigo 43º.- A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados e asociadas; levará unha contabilidade que reflicta fielmente o patrimonio e a situación financeira da entidade, así como as actividades realizadas; efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun libro as actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.

 

Os/as asociados/as poderán acceder a toda a documentación a través dos órganos de representación.

 

CAPÍTULO VI

MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 44º.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Coordenadora Xeral ou de ¼ dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para calquera socio/a poida dirixir á Secretaria as propostas e emendas que estime oportunas. Éstas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.

 

Artigo 45º.- A Asociación poderase disolver por algunha das causas seguintes:

 

1ª.- Por vontade dos socios, acordada como mínimo polo voto favorable dos dous tercios da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal fin.

2ª.- Por disposición xudicial.

3ª.- Por outras causas determinadas legalmente.

 

Artigo 46º.- No caso de disolución da Asociación, a Coordenadora Xeral constituirase en Comisión Liquidadora, quen procederá a efectuar os pagos e as obrigas pendentes, así como ó cobro dos créditos, e fixará o haber líquido restante.

 

Artigo 47º.- Unha vez efectuada a liquidación, o haber resultante, se o houber, entregarase a unha entidade ou entidades que se teñan iguais fins ou, no seu defecto, fins análogos ós da Asociación.



En Santiago de Compostela, a 13 de decembro de 2004.

 

Conselleria de Justicia, Interior y Administración Local



Registro y Asociaciones


  

© 2005 Webmaster